Monday 06 de May de 2024

O Concello pon en marcha unha campaña contra a violencia no deporte nas instalacións municipais


A Concellaría de Deportes instalou carteis informativos co obxectivo de evitar condutas impropias nas bancadas e no terreo de xogo

A concelleira Mónica Martínez recibiu na Torre aos árbitros premiados e ascendidos polo seu labor a última tempada

O Concello da Coruña vén de poñer en marcha unha campaña contra a violencia no deporte nas instalacións deportivas municipais. A Concellaría de Deportes colocou carteis informativos nos diferentes recintos para pedir a afeccionados, familiares e deportistas o máximo respecto durante a disputa de competicións e partidos.

A concelleira de Deportes, Mónica Martínez, foi a encargada de presentar na Cidade Deportiva da Torre – Arsenio Iglesias esta campaña. “O Goberno de Inés Rey busca que haxa un ambiente san nas instalacións deportivas e nas diferentes disciplinas deportivas a través desta campaña. A violencia non ten cabida na nosa sociedade, e menos no deporte da nosa cidade”, sinalou Martínez. Asistiron tamén o vicepresidente da Federación Galega de Fútbol, Juan Villamisar, e o directivo da AFAC, Santiago Veiga.

Os carteis instalados atópanse en lugares estratéxicos, como os accesos ás instalacións, os vomitorios de entrada ás bancadas ou os bancos. Baixo o lema ‘Así entendemos o deporte na Coruña’, pídese á cidadanía que desbote calquera conduta violenta ou agresiva nestes espazos durante a celebración de competicións.

Recepción aos mellores árbitros coruñeses
Por outra banda, a concelleira de Deportes, Mónica Martínez, aproveitou a presentación desta campaña para recibir nas instalacións da Torre aos árbitros coruñeses de fútbol que foron premiados ou ascendidos de categoría polo seu labor profesional durante a pasada tempada.

Trátase de Diego Sánchez Rojo, mellor asistente de Primeira División; Fabián Blanco Rodríguez, mellor asistente de Segunda División; Pedro Oreiro Hermida, ascenso a 2ª RFEF; Rubén Vázquez Pernas, ascenso como asistente a 1ª RFEF; Diego Cusset, delegado ascendido a 2ª RFEF; e Álex Represas, árbitro ascendido a 3ª RFEF. A concelleira destacou o seu papel, levando á Coruña á elite do arbitraxe, e a súa capacidade para mediar e amosar neutralidade nas competicións nas que participaron. Martínez tamén quixo destacar o traballo das colexiadas coruñesas Eugenia Gil Soriano e Beatriz Cuesta Arribas.

“Grazas á alcaldesa e á concelleira por este acto de recoñecemento ao colectivo arbitral no lugar onde case todos empezamos a arbitrar: os campos da Torre.”, apuntou Rubén Eiriz, delegado de árbitros na Coruña.